Galicia rexistra emisións de gases de efecto invernadoiro máis baixas que hai 27 anos

08/06/2017

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, asegurou durante a súa intervención en sede parlamentaria que este tipo de emisións reducíronse nun 13,8% entre os anos 2012 e 2015

Galicia rexistra emisións de gases de efecto invernadoiro máis baixas que hai 27 anos. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, recordou, durante a súa intervención esta tarde no Parlamento de Galicia, que este tipo de emisións reducíronse na Comunidade Autónoma nun 13,8% entre os anos 2012 e 2015 e, en concreto, no pasado exercicio, as emisións de gases de efecto invernadoiro das industrias participantes no comercio de dereitos de emisións baixaron case un 8%.

Deste xeito, asegurou a titular de Medio Ambiente, “Galicia é, xunto con Castela León e o País Vasco, unha das tres comunidades autónomas con emisións de efecto invernadoiro que continúan, aínda hoxe, por debaixo dos niveis de 1990”. "A nosa Comunidade está a cumprir cos límites de emisión establecidos pola lei, aínda que seguiremos traballando para situar a Galicia dentro das comunidades comprometidas co medio ambiente, apuntando cara á excelencia”, engadiu Mato Otero.

Ademais, sinalou Beatriz Mato, Galicia diminúe as emisións doutras substancias como o mercurio, que experimentaron unha redución do 22% no mesmo período de 2012- 2015, ou o CO2, óxido de xofre, óxido de nitróxeno, PM10, amoníaco, arsénico, cadmio, cromo, níquel ou chumbo. Igualmente, tal e como se recolle no Inventario Nacional de Emisións á Atmosfera do Ministerio de Medio Ambiente, decreceron as emisións de perfluorocarbonos (PFC) ata un 92% con respecto a hai 27 anos.

"É así -asegurou a titular do departamento de Medio Ambiente- como se constata que estamos a conseguir desligar o crecemento económico derivado dunha maior actividade industrial da emisión de sustancias contaminantes, polo que producimos máis, pero emitimos menos á atmosfera”. Neste senso, Beatriz Mato incidiu en que a actividade industrial en Galicia foi maior durante o ano 2015 en comparación co 2012 e aínda así lográronse reducir as emisións á atmosfera.

Todo isto, dixo a conselleira, “débese ao traballo deste Goberno a prol da vixilancia e control que levamos a cabo das instalacións industriais que operan na nosa Comunidade”. De feito, un informe elaborado pola Subdirección de Meteoroloxía e Cambio Climático, que recolle a evolución das emisións desde 2004, reflicte unha tendencia á baixa nas emisións relacionadas con melloras tecnolóxicas derivadas da implantación das Autorizacións Ambientais Integradas (AAI) e que se traducen en novos procesos industriais máis limpos. Así é que moitas empresas, segundo indicou Mato Otero, xa incorporaron ou están en proceso de implantar melloras tecnolóxicas e están cumprindo as súas obrigas de información de acordo coa normativa.

Mellora continuada da calidade do aire

Nesta mesma liña, a conselleira de Medio Ambiente afirmou que a calidade do aire en Galicia supón unha mellora constante. Así, en 2015, os datos recollidos polas 46 estacións de control repartidas polo territorio da Comunidade reflectiron uns índices de calidade “moi bos”, unha situación que se repetiu durante o 2016, segundo sinalan os datos preliminares cos que contamos.

Así, unha vez máis, dixo Beatriz Mato, “os valores de concentración de contaminantes no aire cumpriron con todos os requisitos definidos para manter unha axeitada calidade do aire nas principais cidades, así como nas zonas rurais e industriais”.

Con todo, reiterou a conselleira, “este Goberno non se detén e continuamos este traballo tomando tamén medidas para loitar contra o cambio climático, co deseño dunha estratexia propia para Galicia”.

Cómpre sinalar que este mesmo ano o departamento de Medio Ambiente comezou a traballar na Estratexia galega de cambio climático e enerxía cara ao horizonte do 2050, que será un instrumento planificador da Comunidade na materia e establecerá as liñas de acción a seguir pola Administración contra este fenómeno.












Xunta de Galicia

Boletín informativo do Concello de Oroso

Novas

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies