A Xunta propón incluír o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas na lista de humidais de importancia internacional Ramsar

05/11/2017

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A Consellería de Medio Ambiente remitirá á información ao Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a proposta do Parque Nacional como Humidal de Importancia Internacional

Este espazo comprendido polos catro arquipélagos constitúe unha excelente representación de zonas húmidas mariñas e costeiras do litoral atlántico ibérico, comparten valores patrimoniais e están conectados por unha intricada rede de interaccións ecolóxicas e culturais, que os converten nunha unidade única de xestión e protección

A Consellería de Medio Ambiente destaca a existencia dunha rede de covas mariñas ou a presenza de importantes colonias de cría de gaivota patiamarela e cormorán moruño, como un dos criterios que establece o convenio Ramsar
 

Santiago, 5 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia remitirá ao Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a proposta completa de inclusión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na Lista de Humidais de Importancia Internacional (Convenio Ramsar).

O convenio relativo aos humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas é un tratado intergobernamental que proporciona o marco para a acción nacional e a cooperación internacional en favor da conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos.

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre da Illas Atlánticas de Galicia, formado por catro arquipélagos situados nas Rías Baixas galegas, constitúe unha excelente representación dos humidais mariños e costeiros da costa atlántica ibérica, cun elevado valor de conservación e nun gran estado de preservación. Está constituído na súa maior parte por augas mariñas, unha fracción importante delas de escasa profundidade. Os medios costeiros, como praias, dunas, cantís e grutas mariñas supoñen unha proporción destacable da súa superficie terrestre, albergando especies e hábitats de varias especies importantes para a conservación, entre elas numerosas colonias reprodutoras de aves acuáticas. Cabe destacar tamén o valor do patrimonio histórico e cultural, que inclúe importantes pesqueiras artesanais e asentamentos históricos e prehistóricos ligados ao mar.

Os catro arquipélagos do Parque Nacional comparten características comúns en canto a estes valores patrimoniais, e están conectados por unha intrincada rede de interaccións ecolóxicas e culturais. Adicionalmente, constitúen unha única unidade de xestión cunha figura de protección que garante a súa preservación a longo prazo.

A zona proposta cumpre sete dos nove criterios para a identificación de humidais de importancia internacional establecidos por Ramsar. Entre eles cabe destacar a existencia dunha extensa rede de covas mariñas, exemplo representativo de sistemas hídricos subterráneos ou a presenza de importantes colonias de cría de gaivota patiamarela (Larus michahellis) e corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Ademais, as augas mariñas do Parque Nacional albergan unha elevada diversidade de especies de peixes, representando para estas unha zona clave para a súa alimentación e reprodución.

Presenza en Galicia

Na Comunidade Autónoma existen na actualidade cinco humedais incluídos no Convenio Ramsar: o Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; as Rías de Ortigueira e Ladrido; o Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a Lagoa e areal de Valdoviño; e a Ría do Eo.

Cómpre lembrar que o Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e créase o Inventario de humidais de Galicia establece, na súa Disposición adicional única, que a declaración como sitio Ramsar dun humidal levará consigo automáticamente a súa consideración como humidal protexido cos efectos inherentes a esta declaración.

A orixe do convenio Ramsar

O convenio Ramsar foi adoptado no ano 1971 na cidade de Ramsar (Irán) e entrou en vigor a finais de 1975 e foi ratificado o 18 de marzo de 1982 por España, sendo o único tratado ambiental mundial que trata dun ecosistema en particular: os humidais. Neste convenio, ratificado por 169 países, están inscritos na actualidade 2.282 humidais que cobren unha superficie de máis de 220 millóns de hectáreas.

Cando un país se adhire ao Convenio de Ramsar contrae unha serie de compromisos xerais cuxo obxectivo principal é "a conservación e o uso racional dos humidais mediante accións locais, rexionais e nacionais e grazas á cooperación internacional, como contribución ao logro dun desenvolvemento sostible en todo o mundo": a Lista Ramsar é unha lista de prestixio, xa que integra as zonas húmidas máis importantes do mundo desde o punto de vista do seu interese ecolóxico e para a conservación da biodiversidade.

Xunta de Galicia

Boletín informativo do Concello de Oroso

Novas

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies