Un total de 50 exemplares forman parte da primeira guía de viaxes das árbores e formacións senlleiras da Xunta

07/02/2018

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

Esta guía busca acadar a mellor representación posible das árbores e formacións que son consideradas senlleiras por diferentes motivos

A directora xeral de Patrimonio Natural presentou esta mañá este nova publicación co fin de dar a coñecer entre os galegos e visitantes os valores destes recursos naturais, como a mellor ferramenta para a súa preservación

Trátase de elementos similares aos espazos imán, que se inclúen no Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural, grazas aos cales se procura fomentar o desenvolvemento turístico e económico ao tempo que se compatibiliza coa difusión do patrimonio natural da zona na que se inscribe

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, presentou esta mañá a primeira Guía de viaxes das árbores e formación senlleiras, elaborada pola Xunta de Galicia; na que se integran un total de 50 exemplares incluídos no Catálogo de árbores senlleiras. A selección realizada busca acadar a mellor representación posible das árbores e formacións, co fin de divulgar e difundir o valor destes elementos do patrimonio natural de Galicia e que foi cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Nesta guía incorpórase unha selección de 50 das árbores ou formacións máis especiais do catálogo, situados tanto no medio natural como en pazos, xardíns ou parques de Galicia, en contornas de gran beleza e rodeados de interesantes ofertas de turismo rural. Na actualidade téñense impreso máis de mil exemplares que se repartiran entre os centros de interpretación da Comunidade e posteriormente, tamén se achegarán exemplares ás oficinas de turismo e puntos de información turística para o seu coñecemento e divulgación.

A directora xeral aclarou que, aínda que na guía se limita a 50 elementos da totalidade dos incluídos no Catálogo, en moitos deles menciónanse outros exemplares que pola súa proximidade enriquecerían a visita.

Explicou que os criterios de inclusión foron variados (endrométricos ou relativos ás dimensións dos exemplares, biolóxicos e ecolóxicos, estéticos, históricos e culturais, ou mesmo de rareza); pero “a idea foi acadar e deseñar a mellor representación posible das árbores e formacións que son consideradas senlleiras”. Indicou que algunhas foron seleccionadas polo seu porte raro ou pouco común, como a Sobreira da Casa do Tristo (Ourense) ou o Carballo da Casa do Herdeiro (Lugo); outras chaman á atención pola súa avanzada idade e beleza, moitas veces superior á de moitas ermidas e igrexas que balizan o territorio galego, como o Castiñeiro de Trambolosríos e o Castiñeiro de Pumbariños (Ourense), a Sobreira de Balboa (Ourense) ou o Teixo da Igrexa de Córneas (Lugo).

Outros elementos destacan polas súas asombrosas dimensión, “son os xigantes do territorio galego”, afirmou Díaz López, que exceden en varios metros de altura e grosor aos seus conxéneres máis próximos, como é o caso dos eucaliptos do Pazo de Rubiáns ou a Secuoia Vermella do Castelo de Soutomaior (Pontevedra). Tamén se incluíron outro exemplares atendendo a criterios históricos, como é o caso da Figueira do Meco, protagonista dunha lenda acontecida no Grove no ano 1.717.

En definitiva, tratouse de acadar unha axeitada representación de todos os tipos de localizacións dos exemplares e formacións, no medio natural, pazos, xardíns ou parques..., e procurouse que estes elementos estiveran repartidos de xeito homoxéneo entre as catro provincias de Galicia, para permitir o deseño dunhas rutas de visita que abrangueran os principais valores turísticos e culturais presentes na contorna destes valiosos elementos do patrimonio natural da nosa Comunidade Autónoma. (Axúntase a esta nota de prensa un anexo no que se enumeran as árbores e formacións senlleiras da imaxe).


Contido

A directora explicou que a guía é un documento de fácil manexo con información detallada de cada un dos exemplares, na que se ofrece información sobre os datos técnicos básicos, unha pequena historia, a súa localización precisa, e información de interese da contorna que permita ao viaxeiro planear a súa ruta.

Tamén se indican datos técnicos- ademais dunha fotografía-, como o concello, coordenadas, altitude, o nome científico, a idade aproximada e as dimensións, aclarando o perímetro normal (medido a 1.30 m do chan) e a altura da árbore.

A Guía tamén facilita información sobre a forma máis fácil de chegar a cada un dos exemplares e formacións, así como coordenadas GPS que deben ser introducidas no navegador para chegar de forma segura aos mesmos ou sobre o nivel de dificultade de acceso ao exemplar ou formación, e se ese acceso pode ser realizado en vehículo ou a pé.

Como complemento, tamén se traslada información relativa ao eido cultural, turístico, gastronómico e de interese da zona, así como outras referencias e información para poder planificar con antelación as saídas turísticas.

Iniciativas precedentes

Esta guía de viaxe súmase a outras iniciativas de divulgación e promoción das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras -tamén desenvolvidas anteriormente pola Dirección Xeral- como a publicación “Árbores e formacións senlleiras de Galicia”, editada en 2008 para dar a coñecer as 106 árbores e as 21 formacións que conformaban o Catálogo galego de árbores senlleiras, ofrecendo fotografías de gran calidade xunto cunha caracterización precisa dos valores principais de cada un dos elementos senlleiros descritos.

A directora tamén lembrou a iniciativa “Árbores con historia”, que consistiu na creación de rutas entre os diversos elementos senlleiros, os recursos culturais e sociais que se atopan na contorna e que incrementan o valor lúdico e histórico.

Catálogo galego de árbores senlleiras

O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás características excepcionais que as fagan merecentes dunha protección especial.

Configúrase como unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos os seus propietarios, as administracións públicas, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

Desde a aprobación do seu regulamento, no ano 2007, foi obxecto de diversas revisións e na actualidade inclúe un total de 186 elementos.

A modo de exemplo a directora detallou os elementos senlleiros que se poden atopar no Pazo de Oca, como a Camelia reticulada, un fermoso e monumental exemplar da variedade ‘Captain Rawes’, de maxestuoso porte e que se considera a mellor representación europea da especie; ou a Criptomeria elegante, cun tronco dun perímetro basal de 8,20 metros e que bifurca nos 7,10 metros de altura. En canto ás formacións, destaca o Buxal do Pazo de Oca e Carreira dos Tilos, formada por medio centenar de árbores dispostas en dous corredores arredor do paseo.

Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural

A directora xeral de Patrimonio Natural recordou que esta iniciativa é acorde aos obxectivos do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural, un plan pioneiro posto en marcha polo actual Goberno, ao que se destinarán 4 millóns de euros para a realizaron dunha trintena de actuacións divididas en tres grandes epígrafes: oferta de novas actividades, recursos e melloras para a posta en valor dos espazos naturais -entre as que se atopa esta Guía de viaxe-, a promoción en feiras e a elaboración de paquetes turísticos; e a educación ambiental.

Defendeu que o valor dos espazos naturais, tanto a nivel ambiental, paisaxístico como de biodiversidade, é incontestable, pero non é menos certo que os espazos naturais son moito máis que iso: teñen un enorme potencial turístico, social e económico; tal e como sucede coas árbores e formacións senlleiras.

Xunta de Galicia

Boletín informativo do Concello de Oroso

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies